As nosas comunidades son dinámicas e están suxeitas a cambios constantes. Iso leva a que a cidadanía se pregunte con certa inquedanza como será a transformación do seu barrio, por exemplo. Ante novos servizos ou actuacións, pode haber visións e posicións diferentes que se poden manifestar de formas moi distintas. As causas dos problemas non son sempre obvias e claras para todo o mundo, nin teñen unha solución única nin consecuencias positivas para todas as persoas. Ante este panorama de diversidade e conflito, a mediación comunitaria pode ser unha vía de solución.

Ademais, en relación coa vida na comunidade, sempre hai conflitos pola concepción e o uso distinto que teñen as persoas ao utilizar o espazo público, ou o privado, cando ten repercusións sobre as outras persoas. Cada un e unha de nós ten unha visión distinta sobre cales son os nosos dereitos e cales son os dereitos das demais persoas. E, nestas situacións, todo o mundo defende as súas posicións, alternativas ou solucións, se fai falta diante do alcalde ou alcaldesa ou dos xuíces ou xuizas, segundo sexa o talante das persoas implicadas.

Ante un conflito, a resposta máis común é reducir o malestar dicotomizando as situacións e, dalgunha maneira, pensar que se unha visión da situación é correcta, a outra non o é. Poucas veces, e aínda menos cando as persoas están mergulladas nun conflito, poden chegar a pensar, e menos a admitir, que as dúas visións, aínda que contraditorias, sexan igual de lexítimas e válidas, e que hai que poder afrontar as contradicións dunha maneira negociada para atopar unha solución o máis satisfactoria posible para todo o mundo.

A mediación comunitaria achega un sistema de xestión dos conflitos que facilita esta negociación das contradicións. A mediación axuda á cidadanía, os grupos, as partes, a non dicotomizar o conflito, a percibir cunha perspectiva diferente a realidade que viven como conflitiva e a asumir que as dúas partes poden ter visións diferentes e aínda así, resolver pacificamente e satisfactoriamente as súas diferenzas.

A mediación está estreitamente relacionada con esta visión positiva do conflito. Enténdeo como unha posibilidade de expresión da diversidade fronte a unha determinada situación ou demanda social. Unha expresión que enriquece tanto ás persoas como á colectividade onde se produce. Enténdeo tamén como motor de cambio e mellora de situacións que non son suficientemente adecuadas ou non están suficientemente ben resoltas.

Segundo como unha comunidade xestione os seus conflitos, poderanse obter resultados positivos ou negativos entendidos tanto respecto ao sufrimento individual como respecto da ruptura ou ao reforzo dos lazos sociais. A obtención duns resultados ou outros dependerá dos tipos de procedementos existentes para xestionar o conflito: procedementos baseados na mediación, é dicir, participativos e consensuales, ou ben baseados na xustiza, adversariales e delegadores.

Na medida en que a mediación se basea nunha concepción plural e lexítima da cultura sobre o conflito, o uso da mediación comunitaria pode ir máis aló da actuación específica da resolución dun conflito puntual e é como o mesmo conflito, unha condición constitutiva das relacións sociais. A mediación pode axudar a crear unha cultura de participación, de corresponsabilización, de respecto e de tolerancia que facilite o pleno desenvolvemento e a plena cohesión da comunidade.

Os tipos de conflitos nos que se pode intervir dende a mediación comunitaria son:

  • Dentro da propia comunidade de veciñas/os e/ou entre comunidades de veciñas/os por mor de derramas, permisos non concedidos, fumes, malos olores, obras non consentidas, usos indebidos das zonas comúns, problemas con mascotas…
  • Polo emprego e uso de espazos públicos.
  • Incumprimento de ordenanzas municipais.
  • Calqueira outro conflito que se xenere no espazo de convivencia da comunidade.

Nesta liña dende Xeracción ofrecemos:

  • A posta en marcha de servizos de mediación comunitaria e/ou veciñal a distintas administracións/concellos.
  • Incluír programas de mediación comunitaria dentro dos servizos de dinamización comunitaria no marco das asociacións ou federacións veciñais.
  • Formación en materia de mediación comunitaria a entidades públicas ou privadas.