A contorna familiar é o pequeno mundo onde se desenvolven as persoas que o integran e onde teñen cabida, en maior medida, os sentimentos máis básicos das persoas. No seo familiar, polo xeral, sentimos seguridade, protección, arroupamento. É o noso pequeño refuxio fronte aos acontecementos externos, ás veces hostís. Podemos mostrarnos e comportarnos espontaneamente e podemos querer e ser queridos sen temor.
En efecto, é normal que haxa desacordos e diferenzas, sobre todo cando as familias pasan por momentos de crise, no sentido de que se produzan cambios que requiran a adaptación a novas realidades. Iso pasa por exemplo cando nace a primeira filla ou fillo, cando as fillas e os fillos fanse maiores e se van de casa, cando un avó ou avoa se incorpora ao mesmo domicilio onde reside a familia; cando alguén da familia enferma e faise dependente; cando se produce algún falecemento, etc. En todos eses casos, prodúcense cambios que rompen a rutina familiar, de modo que hai que acomodarse e afacerse a que entren novos membros ou a prescindir deles ou a novas situacións que nos desestabilizan.
A mediación ofrece a mellor resposta a posibles a conflitos de familia, nos que as partes implicadas necesitan ter unha relación posterior, e nos que existe un forte compoñente emocional e sobre todo para aquelas situacións nas que os aspectos legais son tan só unha parte do problema.
Algúns dos conflitos máis frecuentes nos que intervimos en mediación familiar son:
Conflitos de parella
A miúdo asóciase de maneira automática a mediación familiar coa ruptura de parella, aínda que a persoa mediadora pode facilitar solucións en moitos outros conflitos que poidan xurdir.
Relación coas fillas e fillos
Cando o motivo de demanda é a relación coas crianzas, a solicitude de mediación adoitan realizala nais e/ou pais de fillas e fillos adolescentes. Con todo, nos últimos anos produciuse un notable incremento nas demandas relacionadas con conflitos de convivencia con fillas e fillos adultas xa que, debido a factores sociais e económicos, estes márchanse cada vez máis tarde de casa, alongando unha convivencia que en ocasións faise difícil.
Así, destacamos como conflitos máis frecuentes entre pais/nais e fillas/fillos os seguintes:
- Aqueles relacionados coa organización e colaboración nas labores domésticas.
- Os relacionados cos estudos.
- Horarios: O maior conflito prodúcese en relación á hora de chegada a casa pola noite. As preocupacións sobre este tema poderíanse agrupar en dúas categorías:
- a) O tipo de condutas que poden mostrar fóra de casa
- b) As repercusións que isto ten no seu comportamento dentro da casa: levantarse tarde e non atender as tarefas domésticas.
- Os temas económicos: suliñamos os referidos ao diñeiro que custan as fillas/os (todo o relativo á súa manutención, educación e coidado) e, por outra banda, ao diñeiro que piden, mesmo esixen, as fillas/os (por exemplo os artigos de marca que demandan como consecuencia dunha forte presión grupal).
- Conflitos relacionados coa esfera do persoal: relación entre irmás e irmáns ou con outros membros da familia, amizades, etc.
- O retorno ou demora na marcha do domicilio familiar da filla/o adulta/o, tratando de organizarse e decidir segundo o seu propio criterio, sendo este contraditorio ou discrepante co da súa nai e/ou pai.
Relación con persoas maiores
Algunhas das situacións nas que nos podemos atopar persoas maiores como protagonistas directas ou indirectas do proceso de mediación son as seguintes, sen ánimo de acoutar as opcións, nestas catro categorías:
- Relación con netas e netos
Trátase daquelas situacións nas que hai dificultade de comunicación familiar en diferentes niveis, ben sexa entre avoas e avós cos seus respectivos fillos e fillas, ou cara ao xenro ou nora, no referente á relación coas súas netas ou netos.
- Persoas dependentes
A persoa que acode a mediación ante este tipo de conflitos en primeiro lugar adoita ser a que está a asumir os coidados da persoa maior, xa con algunha discapacidade ou que consideran que esa posible dependencia vaise agudizar nun prazo breve e xa non pode facerse responsable nas mesmas condicións que o realizaba ata ese momento.
- Conflito interxeracional
Este concepto, no contexto de persoas maiores, se reserva para os conflitos relacionados con dúas xeracións adultas que conviven no mesmo domicilio por intereses recíprocos e, en principio, sen unha necesidade expresa de coidados por enfermidade ou dependencia. A propia convivencia e as diferenzas culturais ou de valores xeran unha crise que lles leva a acudir a mediación co obxectivo principal de facilitar a comunicación e identificar as causas do conflito para asumir a responsabilidade que a cada protagonista lle corresponda.
- Herdanza
Sen dúbida, cando falamos de herdanza é que nos atopamos ante unha situación familiar de duelo ante a morte dun ser querido, co cal as discusións que se xeran neses momentos están cargadas de emocións e de recordos. Aínda que, dende un punto de vista xurídico, os Xulgados de Familia e Notaríalas son os órganos adecuados para resolver estes asuntos, referíndonos á repartición e adxudicación de herdanza, hai outros moitos aspectos relacionais para os que a familia busca un espazo de comunicación.
Así, dende Xeracción traballamos:
- Pondo en marcha servizos de mediación familiar en entidades públicas (concellos, deputacións, mancomunidades) ou privadas (empresas, asociacións, federacións).
- Realizando mediacións puntuais no ámbito familiar entre particulares.
- Ofrecendo formación específica neste eido a entidades públicas, privadas e particulares.