O Proxecto Circe nace da idea de dar resposta á situación das mulleres en situación de explotación sexual e vítimas de trata de seres humanos con fines de explotación sexual. Esta situación tan complexa abrangue actos de violencia basados no xénero que van implicar nas mulleres danos ou sufrimentos de natureza física, sexual, psicolóxica, económica ou social, incluídas as ameazas, coaccións e privacións de liberdade.
Os datos sobre a situación na actualidade son escasos, e aínda que rigorosos, nos oficiais hai que ter en conta que solo se contabilizan os que estean xudizializados, é dicir, denunciados. A ONG Amnistía Internacional estima que 1000 persoas das 75.000 que segundo o goberno estaban en situación de risco de trata, foron identificadas no período do ano 2013 ao 2019. En Galicia, o INE rexistra unha tasa do 0,11 por cada 100.000 habitantes no ano 2021.
A crise sanitaria e o confinamento vivido nos últimos anos agravaron a situación de explotación e illamento, volvendo a realidade das persoas afectadas moito máis opaca e inaccesible. Hai que sumarlle que este fenómeno está moi vinculado aos fluxos migratorios.
En Galicia, concretamente en Pontevedra, por exemplo, as vítimas de trata con fins de explotación sexual foron mulleres de 18 a 30 anos de idade, maioritariamente de orixe venezolano, colombiano, guatemalteco, paraguaio e en menor incidencia, brasileiro.
Tamén se identificaron vítimas de orixe subsahariano, sobre todo mulleres nixerianas.
Polo que amosase necesario a creación e posta en práctica de recursos integrais de atención personalizada e especializada das mulleres nesta situación, que por unha banda
poña esforzos en achegar os servizos e a información as mulleres que polas súas circunstancias derivadas da explotación ou trata están illadas dos mesmos, e por outra banda acompañalas unha vez establezan o contacto, en todos os procesos ou dificultades que amosa a súa realidade.
A nosa visión é que as persoas deben ser as protagonistas das súas vidas, polo que vemos o acompañamento coma un proceso participativo, no que as mulleres decidirán e serán parte activa do seu itinerario. Co Proxecto Circe pretendemos colaborar coas administracións e crear sinerxias con outras entidades para proporcionar un mapa de recursos as persoas que atendamos ao longo da implementación do proxecto.
O importante é que as consecuencias da explotación e da trata sobre as persoas sexan minimizadas, que a sociedade e os servizos sociais, sanitarios, xurídicos e outros que interveñan nestes procesos non produzan danos, polo que o acompañamento e o traballo coordinado i en bloque vai ser crucial para a atención especializada.
Tamén consideramos de vital importancia a formación en todo o relativo á saúde, posto que está totalmente vinculada as consecuencias derivadas da explotación e da trata.
