Habitamos proxectos vivos, que mudan e renóvanse ao longo do tempo, como a propia natureza. Coa primaveira, acollemos un novo brote en Xeracción: a incorporación dunha nova socia traballadora.
Mari Fidalgo, psicóloga e educadora ao coidado do proxecto de promoción da saúde comunitaria e o bo vivir Biodanza Cheia de Vida, mais ante todo unha persoa comprometida coa xustiza social, súmase á nosa equipa traendo ilusión, outros saberes e formas de facer e estar no mundo.
Defínese como activista na construción de vidas dignas, plenas e felices, desde a centralidade doscoidados e o bo trato como aposta política. Acredita que sen afectividade non hai transformación socialposíbel. Aquí podedes coñecer máis da súa traxectoria persoal e profesional, na que destaca o compromiso cos dereitos sociais, a loita feminista e contra as fronteiras e as políticas migratorias.
Na súa incorporación, agasállanos estas palabras: “Enredarme en Xeracción supón a materialización dun ideal de vida: apostar pola economía social, por un modelo de traballo baseado en relacións horizontais, cunha postura ética e sentido crítico sobre a acción social, comprometido coa construción dun tecido comunitario forte e activo. É unha honra e unha alegría colocar a miña gota de auga para regar un proxecto tan valioso e necesario”.
