O pasado sábado, 16 de setembro, compartimos unha xornada de traballo coas mulleres que participan na Asociación de senegaleses de Ourense (AISO).
Compartimos experiencias, puxemos sobre a mesa as necesidades existentes e comezamos coa programación dun calendario de traballo para os próximos meses.
Dadas as responsabilidades familiares coas que contan a maior parte destas mulleres, a fin de facilitar a súa participación nas xuntanzas e actividades, elas marcan os tempos e horarios para facilitar a conciliación, pero en calquer caso, pomos a súa disposición un espazo de coidado e atención para as crianzas.
Entre o colectivo de mulleres senegalesas de Ourense, unha gran parte veu para reunirse co marido, pero tamén hai non poucas que viñeron soas, como cabezas de familia.
Algúns autores definen ás primeiras como “Migrantes pasivas”,aquelas que manteñen a súa dependencia respecto ao marido, estando o seu rol no fogar para contribuír ao equilibrio do marido e á cohesión social na socialización dos novos que chegan, concepto que responden a unha concepción do xénero como elemento ideolóxico que invisibiliza o traballo da muller na casa propia, e ás “migrantes activas” que serían as mulleres que ou ben desenvolven unha actividade independente á do marido ou ben se unen á de este.
Vaia por diante que rexeitamos o cualificativo de “activas” e “pasivas” por responder a unha concepción ideolóxica do xénero que invisibiliza o traballo da muller na casa propia e que empregamos esta clasificación para poder analizar as diferentes situacións que se dan dentro do proceso migratorio das mulleres senegalesas.
Toda esta realidade, indubidablemente, xera cambios nas relacións entre xéneros i entre grupos de idade. Así, as decisións que nunha familia eran tomadas polos homes, e principalmente polos maiores, agora son decisións compartidas coa muller que se atopa na emigración, que é a principal responsable, en ocasións, do mantemento familiar.
Actualmente en AISO observamos que as mulleres socias están certamente implicadas e motivadas, reclamando un papel protagonista tanto nos postos de dirección da propia asociación como na realización de actividades que fagan visible a súa laboura. Deste xeito, traballamos coas mulleres de AISO nunha Xornada de Empoderamento da Muller Senegalesa que facilite este proceso,tendo en conta que nace con vocación de ser a primeira de outras que se irán levando a cabo cunha periodicidade semestral e que serán a semente para outras moitas accións nas que se traballe dende AISO con perspectiva de xénero.